ORDE do 8 de setembro de 2021 que se regula a atención á diversidade
26 de Octubre de 2021

ORDE do 8 de setembro de 2021 pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

A orde estrutúrase en oito capítulos. No capítulo I, de disposicións xerais, destacan os principios de actuación que, no marco dos principios e dos fins da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e dos principios do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, guían as actuacións dos equipos directivos, do profesorado titor, do resto do profesorado e dos servizos de orientación educativa e profesional.

O capítulo II trata sobre a atención ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo, un dos piares do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, e desta propia orde. É un capítulo en que se conceptualiza a diversidade do alumnado con necesidade específica de apoio educativo e se articulan con precisión a avaliación psicopedagóxica e o informe psicopedagóxico, aspectos de suma importancia no axuste da atención educativa para ese tipo de alumnado, pero tamén relevantes no que significa o establecemento dun marco común no desenvolvemento desa avaliación e na súa concreción no informe psicopedagóxico.

No capítulo III trátase a escolarización do alumnado, desde a consideración da súa promoción e a súa permanencia no sistema educativo. É un capítulo en que se abordan tanto as modalidades de escolarización como o procedemento para as escolarizacións nas modalidades distintas da ordinaria.

No capítulo IV, sobre a elaboración e a aplicación de determinadas medidas educativas de atención á diversidade e o propio Plan xeral de atención á diversidade, abórdanse a conceptualización, o deseño e o desenvolvemento da maioría das medidas, tanto ordinarias como extraordinarias, que figuran nos artigos 8 e 9 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro. Neste capítulo ocupa un lugar singular o Plan xeral de atención á diversidade, por ser o documento que pon en valor a autonomía de cada centro docente e o seu compromiso coa atención a cada unha das súas alumnas e a cada un dos seus alumnos, no seu propio contexto e dentro dos principios de calidade, equidade e inclusión.

O capítulo V trata sobre os recursos necesarios para garantir a equidade e a inclusión, considerando tanto os recursos de tipo material como os de tipo profesional. E entre estes, os profesionais, existe unha referencia específica ao persoal auxiliar coidador, ao persoal intérprete de lingua de signos e ás familias. Tamén se desenvolve neste capítulo a singularidade dos centros de educación especial como centros de referencia e apoio, e a organización das ensinanzas impartidas neles.

No capítulo VI abórdanse a participación, a colaboración e a coordinación de todas as persoas que participan na educación das nenas e dos nenos, das alumnas e dos alumnos. Isto porque se entende que no labor educativo, especialmente na súa vertente formativa, teñen que participar, dentro dunha liña de colaboración e en adecuada coordinación, as familias e aquelas administracións, entidades, asociacións e outras organizacións sen ánimo de lucro que, dalgún xeito, participan na promoción do desenvolvemento do alumnado. De modo especial, destaca neste capítulo a necesidade de coordinación entre o profesorado, nunha vertente tanto vertical como horizontal, e a colaboración entre os centros docentes, por seren mecanismos favorecedores da inclusión e da atención á diversidade.

Os capítulos VII e VIII son as auténticas novidades desta norma. O capítulo VII, en que se aborda o desenvolvemento social e emocional do alumnado, xunto coa protección e a promoción do talento, trata de destacar a importancia de considerar o desenvolvemento das alumnas e dos alumnos desde un punto de vista global; de aí que se resalte que, xunto co seu desenvolvemento curricular, hai que atender a todo o que facilita o seu desenvolvemento social e emocional, por seren aspectos que contribúen, de forma moi relevante, na conformación da identidade persoal de cadaquén.

Pola súa parte, o capítulo VIII aborda outro dos aspectos que se entenden necesarios para que as organizacións educativas contribúan ao benestar de todas as persoas que as conforman e, ao mesmo tempo, fagan posible acadar verdadeiros estándares de calidade en todo o que ten que ver cos procesos de ensino e de aprendizaxe: o desenvolvemento persoal e profesional do profesorado, a formación, a innovación e a calidade. Neste capítulo indícanse actuacións que os centros docentes deben deseñar e desenvolver para promoveren o benestar do profesorado e a súa actualización profesional, considerando a formación permanente, a innovación desde a mesma práctica docente e algúns dos factores promotores de calidade.

LIGAZÓN AO DOG

Ficheros Adjuntos: