Concurso de traslados: Instrución sobre cesamentos e tomas de posesión en Galicia así como documentación e trámites necesarios
09 de Marzo de 2022

O vindeiro 14/03/2022 está previsto que se publique no BOE e mais no DOG a Resolución do 2 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se resolve o concurso de traslados entre o persoal funcionario dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial da Administración de xustiza, anunciado mediante a Resolución do 30 de setembro de 2021 da Dirección Xeral de Xustiza.

Así, por parte da Dirección Xeral de Xustiza publicouse a Instrución sobre os cesamentos e tomas de posesión, que achegamos para a súa consulta.

-Documentación e trámites necesarios:

1) Persoal procedente de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia

  • Fotocopia do DNI
  • Cesamento
  • Certificado ou copia dos trienios recoñecidos
  • Ficha de recollida de datos (persoais e bancarios).
  • Fotocopia da tarxeta sanitaria onde conste o núm. de afiliación da Seguridade Social (unicamente para ingresos posteriores ao 01/01/2011) e fotocopia da tarxeta da Mutualidade Xeral Xudicial (MUXEXU)
  • Certificación das vacacións e días de asuntos particulares gozados na Administración da que procedan. A certificación deberá indicar os días de vacacións e asuntos particulares correspondentes a 2020 que, de ser o caso, estean pendentes de desfrutar por razóns xustificadas
  • Modelo 145 (IRPF).

2) Persoal con destino na Comunidade Autónoma de Galicia

  • Fotocopia do DNI
  • Ficha de recollida de datos (persoais e bancarios).

3) Persoal que obtén destino fóra da Comunidade Autónoma de Galicia

O persoal que obteña un novo destino fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, no momento de formalización do cesamento deberá facer entrega da tarxeta de identificación persoal e control horario.

Tamén deberá facer entrega desta no caso de non ter que formalizar cesamento ningún por reingresar fóra da comunidade autónoma nun corpo distinto do que estaba a prestar servizos.

Así mesmo, no caso de contar coa tarxeta de identificación especial por razón do destino que viña desempeñando, deberá devolvela ao servizo de persoal correspondente.